Thursday 02 de May de 2024

Inés Rey: “San Andrés será peonil todos os sábados de cada mes”


A alcaldesa anuncia que esta peonalización farase efectiva a partir da vindeira fin de semana e que “foi unha decisión que tomamos despois de escoitar as peticións da veciñanza e das e dos comerciantes da zona”

A alcaldesa, Inés Rey, anuncia que a partir do 7 de novembro todas as tardes dos sábados San Andrés será peonil. O horario do peche ao tráfico desta rúa será o mesmo que o das anteriores peonalizacións provisionais, de 16.30 h a 20.30 h.

A rexedora sinala que o concello tomou esta decisión despois de escoitar as peticións da veciñanza e das e dos comerciantes da zona e, asegurou, “a peonalización provisional de San Andrés foi todo un éxito e esta era unha petición moi razoable que nos fixeron chegar diferentes entidades veciñais e de comerciantes coas que nos reunimos nos últimos días”.

Así mesmo, Rey explicou que esta peonalización non se porá en marcha ata a data anunciada, xa que as reunións mantidas para tomar esta decisión tiveron lugar estes días e “é necesaria unha preparación previa e a activación dun protocolo, pero a fin de semana do 7 de novembro xa estará habilitada para o desfrute de todas e todos”.

Senda peonil entre O Portiño e Visma
A alcaldesa tamén anunciou que o concello habilitou unha senda peonil entre O Portiño e Visma, que responde a unha petición realizada pola Asociación de Veciños Loureiro de Visma nunha reunión mantida coas persoas responsables de Urbanismo. A nova senda, que vai desde a rotonda de Catro Ventos ata as beirarrúas do Portiño, ten 1,5 metros de ancho protexidos por balizas que xa foron instaladas. Desde o concello sinalan que agora se está traballando en mellorar a iluminación da zona, que aumentará a visibilidade deste camiño, e na limpeza da vexetación dos bordos da senda.

Con esta actuación a Concellería de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade dálles continuidade aos traballos de mellora da parada de autobús de Catro Ventos, na entrada de Visma, en que se ampliaron as beirarrúas e se fixo accesible a devandita paraxe.